Neil Shafer
| Nome orixinal | Neil J. Shafer |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | 24 de abril de 1933. Chicago, Illinois |
| Morte | 25 de agosto de 2023 (90 anos). Fox Point, Wisconsin. Estados Unidos. |
| Lugar de sepultura | Cemiterio Second Home, Greenfield, Wisconsin. |
| País de nacionalidade | |
| Educación | Universidade Estatal de Arizona. Universidade Católica de América. |
| Actividade | |
| Ocupación | Numismático e autor. |
| Membro de | American Numismatic Association. Atlantic Numismatic Association. Sociedade Numismática de Milwaukee. Numismatic and Antiquarian Society. International Bank Note Society. |
| Familia | |
| Cónxuxe | (1964): Edith Oelsner. |
| Premios | |
| 1990: Medalla ao Mérito da ANA. 1992: Embaixador Numismático (FUN). 2004: Premio Clemy (NLG). 2007: Medalla á Traxectoria (ANA). 2014: Farran Zerbe Memorial (ANA). | |
Neil J. Shafer, nado en Chicago, Illinois, o 24 de abril de 1933 e finado en Fox Point, Wisconsin, o 25 de agosto de 2023,[1] foi un numismático, autor e editor estadounidense especializado no papel moeda dos Estados Unidos e na numismática das illas Filipinas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Shafer introduciuse sendo un neno no mundo da numismática como coleccionista de moedas, e en 1945 comezou a interesarse polo papel moeda, cando aos seus 12 anos lle regalaron un billete confederado en Chicago.[2]
Cursou os seus estudos de secundaria na Roosevelt High School de Chicago.[3] Logo asistiu á Universidade Estatal de Arizona, onde se graduou en 1955,[1] e posteriormente acadou un mestrado na Universidade Católica de Washington.[3]
Entre 1955 e 1959 serviu na Forza Aérea dos Estados Unidos, e nese período tocou na banda da Forza Aérea en Washington,[2][3][4] unha habilidade que retomaría anos máis tarde cando foi director asistente da Orquestra Sinfónica de Racine, entre 1963 e 1972.[1]
Entre 1959 e 1962 exerceu como mestre de educación primaria.[1]
Carreira como numismático
[editar | editar a fonte]Shafer comezou a súa traxectoria profesional no mundo editorial en 1962, traballando para Western Publishing Company como editor numismático ata 1975 como editor xeral desde 1976 ata 1981, cando foi contratado pola editora Krause Publications, á que estivo vinculado desde 1981 ata 1985.[1]
Ademais editou a revista Middle Atlantic Numismatic Association Journal en 1957 e foi editor asociado da revista Whitman Numismatic Journal de 1964 a 1968. En 1986 foi nomeado editor xefe da efémera revista New England Journal of Numismatics.[1]
Shafer encargouse de varias columnas en publicacións numismáticas ao longo da súa carreira, entre elas as tituladas "Paper Money News and Views" na revista Bank Note Reporter e "Paper Views" en Numismatic News.[1] Tamén escribiu un artigo mensual en Bank Note Reporter a partir de 1987.[2] A estas colaboracións cómpre engadirlle a publicación de varios catálogos monográficos centrados en diversos aspectos da notafilia estadounidense, que foron considerados como unha referencia ata os nosos días.[1]
Ademais da súa dedicación ao estudo do papel moeda estadounidense, Neil Shefer foi tamén considerado unha autoridade na numismática filipina, materia sobre a que tamén publicou varios libros nas décadas de 1960 e de 1970. En particular coleccionou e investigou acerca dos vales de comida do exército estadounidense no campo de internamento de San Tomé en Manila.[5]
Entre outras entidades eruditas e sociais, Shafer foi membro vitalicio da Sociedade Numismática de Milwaukee, que tomou o seu nome para o seu premio aos servizos distinguidos.[6] Igualmente, foi un membro destacado da American Numismatic Association, e durante moitos anos impartiu clases nos seus seminarios de verán.[7] Tamén foi membro da sección de Milwaukee Midwest da International Bank Note Society,[2] e membro da Numismatic and Antiquarian Society.[8]
Logo do seu falecemento, a MPC Fest, unha organización dedicada ao coleccionismo de certificados de pagamento militar, creou o Premio Nacional Neil Shafer á Numismática Militar, que se entrega ao gañador do seu concurso de preguntas e respostas.[9]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Shafer casou o 7 de xuño de 1964 con Edith Oelsner, con quen tivo dous fillos,[1] chamados Joel e Dan, e unha filla chamada Debbie.[3] Un deles, Joel Shafer, dirixe as poxas mundiais de papel moeda da compañía Lyn Knight.[2]
Neil Shafer faleceu o 25 de agosto de 2023,[1][3][10][11] e está soterrado no cemiterio Second Home de Greenfield, Wisconsin.[12]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1967: Nathan Gold Memorial Award, da Society of Paper Money Collectors.[1][4][13]
- 1989: Premio Elston G. Bradfield, da Central States Numismatic Society.[8]
- 1990: Medalla ao Mérito da American Numismatic Association (ANA).[14]
- 1992: Premio Embaixador Numismático, de Florida United Numismatists (FUN).[15]
- 2004: Premio Clemy, do Numismatic Literary Guild (NLG).[16]
- 2007: Medalla á Traxectoria da ANA.[14]
- 2008: Incluído no Salón da Fama da ANA.[17]
- 2014: Farran Zerbe Memorial, da ANA.[14][8][7]
- 2018: Incluído no Salón da Fama da Society of Paper Money Collectors.[18]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Papel moeda estadounidense
[editar | editar a fonte]- (1965). A Guide Book of Modern United States Currency (oito edicións ata 1979). Whitman Publishing, Racine.
- (1976). Let's Collect Paper Money.
- (1984). Standard Catalog of Depression Scrip of the United States (con R. A. Mitchell). Krause Publications.
- (1990). Banknotes, Scrip and Paper Ephemera of Milwaukee. Olympic Speed Printing, Milwaukee.
- (1992). The Wonderful World of Paper Money!. Professional Currency Dealers Association. ISBN 978-0931960338
- (2013). Panic Scrip of 1893, 1907 and 1914. An Illustrated Catalog of Emergency Monetary Issues (con T. Sheehan). McFarland & Co. ISBN 978-0786475773
Numismática filipina
[editar | editar a fonte]- (1961). United States Territorial Coinage For the Philippine Islands. Whitman Publishing.
- (1964). A Guide Book of Philippine Money. Whitman Publishing, Racine.
- (1974). Philippine Emergency and Guerrilla Currency of World War II. Western Pub. [2ª ed.: Bod Third Party Titles, 2023 (con M. Voigt e K. Berger). ISBN 9783384057556 [19]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 Smith, P. (2012).
- 1 2 3 4 5 "Neil Shafer (2020)". International Bank Note Society (Theibns.org).
- 1 2 3 4 5 "Obituaries, October 2023". Jewishchronicle.org.
- 1 2 "Neil Shafer". Society of Paper Money Collectors (SPMC.org).
- ↑ "More on Neil Shafer". En The E-Sylum. Vol. 26. Nº 37. 10 de setembro de 2023.
- ↑ "The Neil Shafer Distinguished Service Award". Milwaukeenumismaticsociety.org
- 1 2 Orzano, M. (2014). "Neil Shafer recipient of 2014 Farran Zerbe Memorial Award". En Coin World. 31 de xullo.
- 1 2 3 "Neil Shafer awarded 2014 Farran Zerbe Memorial Award". American Numismatic Association (Money.org).
- ↑ Friedberg, A. L. (2023). "MPC Fest returns, with a new 'National Champion' award". En Coin World. 19 de marzo.
- ↑ "Neil Shafer - A Sad Loss to the Community". Numismatic Guaranty Corporation (Ngccoin.com).
- ↑ "Neil Shafer (1933-2023)". En International Bank Note Society Journal. Vol. 62. Nº 3. 2023. Páxina 2.
- ↑ "Neil Shafer". Goodmanbensman.com
- ↑ Coin World. Vol. 8. Nº 372. 31 de maio de 1967.
- 1 2 3 "Past ANA Service Awards Recipients". American Numismatic Association (ANA).
- ↑ "Numismatic Ambassador Award Winners". Florida United Numismatists (FUN).
- ↑ "The Clemy Award Arquivado 07 de xuño de 2023 en Wayback Machine.". Numismatic Literary Guild (NLGonline.org).
- ↑ "Past Numismatic Hall of Fame Inductees". American Numismatic Assiciation (Money.org).
- ↑ "Hall of Fame". Society of Paper Money Collectors (SPMC.org).
- ↑ "New book: Philippine Emergency Currency 2nd Ed.". En The E-Sylum. Vol. 27. Nº 18. 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Smith, P. (2012). "Shafer, Neil". En American Numismatic Biographies. Páxina 389.