Saltar ao contido

Gene Hessler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGene Hessler
Nome orixinalEugene Joseph Hessler
Biografía
Nacemento13 de xullo de 1928
Mount Healthy, Ohio, EEUU.
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Estados Unidos
EducaciónManhattan School of Music.
Universidade de Cincinnati.
Universidade Columbia.
Actividade
OcupaciónNumismático, autor, editor, conservador de museo, músico.
EmpregadorChase Manhattan Money Museum.
Mercantile Money Museum, St. Louis Mercantile Bank.
Membro de
American Numismatic Association.
American Numismatic Society.
Cincinnati Numismatic Association.
Essay Proof Society.
International Bank Note Society.
Society of Paper Money Collectors.
Premios
1975: Premio Robert Friedberg (PNG).
1993: Premio Glenn Smedley Memorial (ANA).
1995: Medalla ao Mérito da ANA.
2007: Premio Clemy (NLG).
2008: Premio Farran Zerbe Memorial (ANA).

Gene Hessler, nado en Mount Healthy, Ohio, o 13 de xullo de 1928, é un músico e autor e editor numismático estadounidense, especializado no papel moeda.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e carreira musical

[editar | editar a fonte]

Gene Hessler naceu en 1928 en Mount Healthy, un municipio da área metropolitana de Cincinnati, no estado de Ohio.[1][2]

Tras estudar Música desde a súa infancia en Cincinnati, tocou en varias bandas na época do instituto,[2] viaxou como trombonista con diversas bandas, como as de Woody Herman, Billy May e outros.[3]

Durante a Guerra de Corea (1951-1953), tocou cunha banda do exército e actuou co saxofonista Cannonball Adderley, e no bienio 1953-1954 actuou en Cincinnati coa súa propia orquestra, a Gene Hessler Orchestra. En 1955 graduouse na universidade desa cidade, cunha licenciatura en Educación Musical.[2]

No mesmo 1955 trasladouse a Nova York. Alí acadou un mestrado na Manhattan School of Music en 1957,[2] e entre os anos 1962 e 1963 estudou na Universidade Columbia.[1]

Ficou na cidade de Nova York durante máis de tres décadas, actuando nas orquestras de Broadway en espectáculos musicais como The Music Man, Camelot, How to Succeed in Business, Annie, entre outros moitos. Tamén traballou no Radio City Music Hall. Cando a orquestra de Ballet Bolshoi e a Filharmónica de Leningrado chegaron a Nova York, Hessler tocou tamén con ambas.[2] Como trombonista independente, actuou ou gravou con Doc Severinsen, Tommy Newsom, Urbie Green e moitos outros músicos de Nova York. En Nova York e arredores, Hessler traballou coas bandas de Buddy Rich, Sauter-Finegan e Richard Maltby.[4]

Tamén actuou como extra ou substituto coa Filharmónica de Nova York e coa Orquestra da Ópera Metropolitana baixo numerosos directores, entre eles Leonard Bernstein e Leopold Stokowski. Viaxou por África cun grupo musical en 1964, patrocinada polo Departamento de Estado dos EEUU, e percorreu o mundo coa Orquestra Sinfónica de Cincinnati en 1966.[2]

Traxectoria como numismático

[editar | editar a fonte]

Durante a súa etapa en Broadway, Hessler introduciuse na numismática, da man de Lester Merkin, que era saxofonista e abrira un negocio de moedas en Manhattan en 1958. No transcurso das súas viaxes, Hessler ía apañando exemplares das moedas e de billetes locais, atraído polos seus deseños e gravados.[2]

Dentro desta disciplina especializouse no estudo do papel moeda, e como resultado das súas investigacións publicou cinco libros relacionados coa historia e cos gravadores de billetes, e escribiu para numerosas revistas e publicacións especializadas, entre elas o International Bank Note Society Journal e Coin World, e foi editor da revista Paper Money, da Sociedade de Coleccionistas de Papel Moeda, durante catorce anos, entre 1984 e 1998. Na revista The Numismatist encargouse dunha columna periódica titulada "Notes on Paper".[2][5] Nas súas publicacións, Hessler descubriu e publicou varios deseños descoñecidos ata entón como resultado das súas investigacións na Oficina de Gravado e Impresión dos Estados Unidos e no Instituto Smithsoniano.

Paralelamente, foi conservador do Museo do Diñeiro do Chase Manhattan Bank entre 1967 e 1977, mentres continuaba a traballar como músico, e logo do Museo do Diñeiro do St. Louis Mercantile Bank, entre 1986 e 1989. A partir dese último ano pasou a dedicarse á escritura de xeito independente,[1] e contribuíu con arredor de 350 artigos a publicacións especializadas en numismática.[2]

É coñecida a súa abundante correspondencia co numismático Eric P. Newman.[6]

Entre outras entidades asociativas e sociedades eruditas, Hessler foi membro da American Numismatic Association (desde 1967);[2] da American Numismatic Society (desde ca. 1973), da Asociación Numismática de Cincinnati (membro da xunta directiva desde 2005, da Essay Proof Society (director de 1987 a 1993), da Sociedade Internacional de Papel Moeda[7] (director na década de 1980) e da Sociedade de Coleccionistas de Papel Moeda[8] (membro da xunta directiva de 1987 a 2001).[9]

A Asociación Numismática de Cincinnati estableceu na súa honra en 2002 o Premio Literario Gene Hessler, que recoñecen a calidade dos mellores artigos orixinais publicados no boletín informativo desa entidade.[10] Aos premiados entrégaselles desde entón unha medalla cuñada para o efecto pola ceca privada Osborne Mint, en prata para o primeiro clasificado e en bronce para o segundo e para o terceiro.[11]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Entre os numerosos recoñecementos acadados por Gene Hessler, destacan os seguintes pola súa relevancia:[1][2]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos principais traballos monográficos publicados por Hessler ao longo da súa traxectoria:[1][2]

  1. 1 2 3 4 5 Smith, P. (2025). Páxina 207.
  2. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 Smith, P. (2023).
  3. 1 2 "New book: Hey! Mister Horn Blower by Gene Hessler". En The E-Sylum. Vol. 12., Nº 13. 2009.
  4. ↑ "Gene Hessler". Trombone Page of the World (trombone-usa.com).
  5. ↑ Smith, P. (2025). Páxina 208.
  6. ↑ Newman, E. P. (1970). Gene Hessler Correspondence, 1970-2013.
  7. 1 2 "Hall of Fame". International Bank Note Society (theibns.org).
  8. ↑ "Gene Hessler". Society of Paper Money Collectors (spmc.org).
  9. 1 2 "Gene Hessler named the 2014 Lifetime Achievement Award winner". American Numismatic Association (money.org).
  10. ↑ Gilkes, P. (2023). "Cincinnati coin club honors contributors with medals". En Coin World. 28 de xaneiro.
  11. ↑ "CNA Establishes Gene Hessler Literary Award". Osborne Mint (osbornemint.org).
  12. ↑ "Robert Friedberg Award". Professional Numismatists Guild (PNGdealers.org).
  13. 1 2 3 4 "American Numismatic Association Past Award Recipients". American Numismatic Association (Money.org).
  14. ↑ "About Us: The Clemy Award Winners". Numismatic Literary Guild (nlgonline.org).
  15. ↑ "Gene Hessler to Receive the Farran Zerbe Award". American Numismatic ASsociation (money.org).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]