Saltar ao contido

Praia de Praceres

Praia de Praceres
42°24′21″N 8°41′05″O / 42.405916666667, -8.6846666666667
Características xerais
LocalizaciónPontevedra
Lonxitude50 m
Largo medio15 m
Grao de ocupaciónBaixo
Grao de urbanizaciónSemiurbana
Paseo marítimoNon
Características específicas
Tipo de praiaMarítima
Tipo de areaBranca e fina
Condicións do bañoAugas tranquilas
Seguridade
Sinalización do perigoSi

A praia de Praceres ou praia da Posta[1] é unha praia galega situada no municipio de Pontevedra, na provincia de Pontevedra. É unha praia marítima semiurbana cunha lonxitude de 50 metros.[2][3]

Localización e acceso

[editar | editar a fonte]

A praia está localizada na parroquia civil de Lourizán na marxe esquerda da ría de Pontevedra, a 4 quilómetros da cidade e a menos dun quilómetro do barrio de Estribela. Atópase entre os estaleiros do porto e o cabo dos Praceres.[4]

A finais do século XIX durante o verán a vida social de Pontevedra víase animada por turistas e veraneantes que se trasladaban ás praias dos arredores da cidade, e en especial á praia dos Praceres que foi a praia de moda no período da Restauración e que estaba unida á cidade por tranvía.[5]

A principios do século XX á dereita da praia na punta do Cabo no istmo dos Praceres inaugurouse en 1902 o Gran Hotel de Baños de Mar de Los Placeres, propiedade de Eugenio Montero Ríos que acollía a invitados e veraneantes e que en 1918 tras a súa morte, foi doado polo seu fillo Avelino Montero ás relixiosas do Sagrado Corazón e que se converteu no Colexio Sagrado Corazón de Praceres.[6][7][8][9][10]

Na primavera de 1936 os anuncios de prensa centrábanse en publicitar para o turismo hoteis, restaurantes, casas de baño e a praia dos Praceres, para a que o servizo de tranvía ofertaba bonos de 10 viaxes de ida e volta a 4,25 pesetas. Na sociedade clasista da época no verán eran famosos os baños na praia de Praceres.[11] Ata mediados de século XX a praia presentou un aspecto salvaxe.

O 19 de maio de 1947 aprobouse o proxecto de construción dunha estrada ao longo da ría de Pontevedra, entre Pontevedra e Os Praceres. As obras desta estrada, que comezaron en 1949 e finalizaron en 1955, modificaron totalmente a zona ateigándoa con recheos, o que afectou tamén á praia que quedou reducida.[12][13][14] En 1969 completouse a estrada con catro carrís de circulación e inaugurouse como autovía o 8 de agosto de 1969.[15][16]

O 28 de xuño de 2023 o Estado desafectou a praia do porto xa que era innecesaria para a actividade portuaria e incorporouse ao réxime xeral de dominio público marítimo-terrestre.[17]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha praia practicamente rectilínea e chaira situada nunha contorna semiurbana.[3] Trátase dunha praia marítima de area branca e fina con fronte á ría de Pontevedra. Ten unha orientación noroeste.

Atópase situada moi preto da autovía PO-11 e é unha praia de augas tranquilas que ten vistas á ría e á illa de Tambo. Dispón de duchas e establecemento de bebidas.[18]

  1. ↑ "El Concello pone la mirada en la playa de Ponte Sampaio: instala baños y estudia contratar socorristas". Pontevedra Viva (en castelán). 31 de maio de 2021.
  2. ↑ "Los vigilantes de la ría". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xuño de 2017.
  3. 1 2 "Playa de Placeres". El Comercio (en castelán). 1 de agosto de 2023.
  4. ↑ "El Puerto se reserva en la lámina de agua de la ría 9.800 hectáreas". 19 de febrero de 2014.
  5. ↑ Fortes Bouzán 2011, p. 434.
  6. ↑ "El Gran Hotel de Baños de Mar de Los Placeres". Pontevedra Viva (en castelán). 13 de xaneiro de 2017.
  7. ↑ "Pontevedra en el recuerdo. Placeres aquel paraíso perdido de arena y sal". Faro (en castelán). 18 de marzo de 2021.
  8. ↑ "De hotel balneario a centro examinador de Oxford en un siglo". Faro (en castelán). 7 de agosto de 2018.
  9. ↑ "La historia de los 102 años del Colegio de Placeres en la voz de una de sus primeras alumnas". Cadena Ser (en castelán). 29 de novembro de 2021.
  10. ↑ "El Hotel de Los Placeres. Montero Ríos promovió su construcción a principios del siglo XX para alojar en verano a gente distinguida". Faro (en castelán). 16 de setembro de 2018.
  11. ↑ Fortes Bouzán 2011, p. 473.
  12. ↑ "Los Placeres, la playa que dilapidó Pontevedra". Faro (en castelán). 2 de setembro de 2018.
  13. ↑ ""Lourizán era la élite del turismo, el equivalente gallego a Santander y San Sebastián"". Pontevedra Viva (en castelán). 11 de maio de 2017.
  14. ↑ "Pontevedra y Marín, unidos por una vía a lo largo de la ría". ABC (en castelán). 10 de agosto de 1955.
  15. ↑ "A Avenida de Marín". Pontevedra Viva. 15 de marzo de 2018.
  16. ↑ "La autovía a Marín que tardó 20 años en llegar". Faro (en castelán). 28 de agosto de 2016.
  17. ↑ "La playa de Placeres ya es de dominio público después de que el Ministerio la desafectase del Puerto". Pontevedra Viva (en castelán). 28 de xuño de 2023.
  18. ↑ "Página en www.playas.io". Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2014. Consultado o 8 de xuño de 2014.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]