Saltar ao contido

Novembro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de novembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Hai varias denominacións populares do mes de novembro. Moi común é a de San Martiño (ou mes de San Martiño). Por celebrarse neste mes o día de defuntos, recibe os nomes de mes dos mortos ou, simplemente, mes morto [1]; tamén mes das ánimas. E, por caer neste mes o día de Santo André, tamén recibe o nome de mes de San Andrés ou, simplemente, San Andrés [2].

Tan identificado está novembro coas castañas que no Incio e en Quiroga chaman Castañal ó propio mes [3].

O día 1, día de Tódolos Santos, tamén serve para darlle nome: Santos ou mes de Santos.

Acontecementos

[editar | editar a fonte]

Os acontecementos máis característicos deste mes son a mata do porco e o magosto, que se celebran a partir do 11 de novembro, san Martiño.

Outra data significativa é o día de defuntos, 2 de novembro, no que se visitan os cemiterios para levar flores ós familiares falecidos. En Tui tiñan o costume de botar un gran troncoo ó lume na noite de defuntos para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen vir quentarse (Eladio Rodríguez González, s. v. día). En Cambados dise que non se debe ir ó mar neste día para evitar coller nas redes a mortos ou os seus restos.

Por terras de Mondoñedo era costume no século XVI que os rapaces e mozos ían percorrendo a aldea, de porta en porta, cantando como en Nadal e pedindo pan, carne, patacas, viño, etc. para os defuntos, se ben logo comían todo o recollido nas súas casas. Esta práctica foi condenada polo Sínodo do bispado de Mondoñedo en 1541 (Eladio Rodríguez González, s. v. día).

  • Sanmartín ou martiño peixeiro (Alcedo athis), paxaro que vive nas beiras dos ríos.
  • Sanmartín: ave mariña, tamén chamada pardela furabuchos (Puffinus puffinus). A etimoloxía do nome parece relacionada coa época do ano no que a ave está presente en Galicia, no outono, perseguindo os bancos de sardiña.
  • Sanmartiño é o nome dun peixe acantopterixio (Zeus faber), tamén chamado samartiño, martiño, martuxo, galo do mar ou peixe galo.

Locucións

[editar | editar a fonte]
  • Andar enganado coma un porco no mes de santos: dise de quen non se decata de que o están enganando e buscando a ruína, a pesar de que se faga con boas palabras.

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • A cada porco chégalle o seu san Martiño [4].
  • A cada porco lle chega o seu San Martiño [5].
  • A horta de san Martiño mantén o dono a mais do veciño.
  • A todo porco chégalle o seu San Martiño.
  • A todo porco lle chega o seu san Martiño.
  • A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.
  • A tódolos porcos lles chega o seu San Martiño.
  • Andar barquiñas, andar axiña, non vos colla o cordonazo de santa Catalina [6].
  • Antes de san Martiño, pan e viño; dispois de san Martiño, fame e frío [7].
  • Ata o san Martiño, inda pinga o ramalliño; despois de san Martiño, fame e frío.
  • Ata san Martiño, pan e viño. De san Martiño adiante, fame e frío.
  • Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, fame e frío bastante.
  • Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, pan e frío bastante [8].
  • Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés [9].
  • Bendito mes que empeza con Santos, media con san Uxío, e remata con san Andrés [10]
  • Bieito mes que entra con Santos, meia con San Uxío e remata con San Andrés [11].
  • Cada porco ten o seu san Martiño [12].
  • Cando Santos acaba, o inverno empeza [9].
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • De san Martín en diante, frío e fame.
  • De san Martiño para adiante fame e frío.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • De Santos a Navidá é inverno de verdá [9].
  • De Santos a Navidá hai inverno de verdá.
  • De Santos ás Navidás hai sequía de verdá.
  • De Santos ó Nadal é o inverno natural.
  • Deixa a auga e bebe viño, dispois do San Martiño [13].
  • Dende Santos a Nadal é inverno natural [9].
  • Desde Santos a Natal é inverno caroal.
  • Despois de san Martiño, deixa a auga e bebe o viño.
  • Despois de San Martiño, deixa a agua e bebe viño.
  • Día de san Martiño, proba o teu viño [7][14].
  • Día de San Martiño, todo o viño é bo viño [15].
  • Dispois de San Martiño deixa a iauga e bebe o viño [16].
  • Dispois do San Martiño, deixa a auga e bebe o viño [17].
  • Ditoso mes que empeza con Santos e remata con San Andrés.
  • Do novo viño bota un traguiño polo san Martiño [17].
  • En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo gallo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto/ xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En novembre, cavar non che se lembre; i a aixada de cavar, emprégaa en aburatar [18].
  • En san Martiño remonta cada día un ferradiño.
  • En san Martiño, pan e viño.
  • En Santos, nevan os campos.
Día de san Martiño, proba o teu viño.
  • Ende vindo Todos Santos e pasando San Andrés, viño novo, vello é [19].
  • Entre Santos e Nadal fai inverno carnal [9].
  • Entre Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Entre Santos e Natal, arrieiriño non vaias ó sal, que perderás o caudal [20].
  • Hastra o San Martiño inda pinga o ramalliño; dispois do San Martiño, fame e frío [7].
  • Hastra san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, frío e fame.
  • Horta de san Martiño mantén ao dono e mais o veciño [21].
  • Horta de San Martiño mantén ó seu dono i o seu veciño [7].
  • Horta de San Martiño, mata ó seu dono e mais ó veciño.
  • No mes de Santos, a máis tardar, ponte a sementar [9].
  • No mes de Santos sacha a horta e capa o rancho.
  • No mes dos mortos mata os teus porcos.
  • No mes dos Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo caldo cos untos.
  • No mes morto nin sáche-lo horto nin cápe-lo porco.
  • No san Martiño, porco e viño.
  • No san Martiño remonta cada día un ferradiño [22]
  • No san Martiño xa se coñece o bo viño.
  • Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu Sanmartín.
  • O burriño de san Sadorniño cada día máis cativiño [23].
  • Non chover nin ventear en Santos e Nadal [24].
  • Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu Sanmartín.
  • Ó chegar o San Martiño, mátase o porco e próbase o viño [7].
  • O que cava en novembre, o tempo perde.
  • O que queira bo alliño, que o bote no san Martiño.
  • O que queira ter bo alliño, que o semente polo san Martiño.
  • O vrán de san Martiño pode ser grande ou pequeniño.
  • O vran de San Martiño son tres días e un pouquiño.
  • O vranciño de san Martiño, tanto grande como pequeniño.
  • O vrau de san Martiño dura mentres o can lambe o fuciño.
  • Planta a horta en San Martiño e plantarás para ti e o veciño.
  • Polo mes de Santos xa baixa a neve ós campos [25].
  • Polo san Andres agarra o porco polos pés, e se non o queres matar, déixao para Navidá.
  • Polo san Andrés hai porcos gordos para vender.
  • Polo san Andrés mata o teu porco coma o tes.
  • Polo san Andrés mata o teu porco como é.
  • Polo san Andrés, o mosto viño é.
  • Polo san Andrés, o viño novo vello é.
  • Polo san Clemente bota a túa semente [26].
  • Polo san Clemente, doble semente.
  • Polo san Martiño, andan as noces a roliño [7].
  • Polo san Martiño, barra o teu viño.
  • Polo san Martiño bólas ó tellado e trompos ó camiño.
Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Polo san Martiño, cata o teu viño.
  • Polo san Martiño deixa a auga e bebe o viño.
  • Polo san Martiño, fabóns ó liño.
  • Polo san Martiño mata o teu porquiño.
  • Polo san Martiño mata o teu porquiño e bebe o teu viño [7].
  • Polo san Martiño, mete o porco no cortelliño.
  • Polo san Martiño péchase o camiño.
  • Polo san Martiño, proba o teu viño.
  • Polo san Martiño, tapa o teu viño.
  • Polo san Martiño todo o mosto é bo viño [17].
  • Polo san Martiño todo o mosto é viño [7].
  • Polo san Martiño, trompos ó camiño.
  • Polo san Martiño, trompos ó camiño, e polo san Amaro, trompos ó tellado [27].
  • Polo san Martiño vende o teu viño, antes ó pipeiro que ó taberneiro.
  • Polo san Martiño, zapa o teu viño [28].
  • Polo san Simón proba o viño, i o porco polo San Martiño [29].
  • Polo santo Tomé, dálle polo pé e se non é groso, nunca é.
  • Por san Andrés, agarra o porco polos pès; e se nono queres matar, déixao pra Navidá [12].
  • Por san Andrés, quen non ten porco, mata á muller.
  • Por san Andrés, toma o porco polo pé [30].
  • Por san Andrés, trompos outra vez.
  • Por san Martiño, atesta o viño.
  • Por san Martiño bólas ó tellado e trompos ó camiño.
  • Por san Martiño cae máis auga do que o borracho bebe viño.
  • Por san Martiño cata o teu viño.
  • Por San Martiño di o inverno:¡alá vou eu! [31].
  • Por san Martiño e san Xudas, piñeiriña das túas uvas [32].
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto [7].
  • Por san Martiño mata o teu porquiño e proba o teu viño.
  • Por San Martiño, nin faba, nin liño.
  • Por san Martiño, nin fabas nin viño.
  • Por San Martiño, non sementes fabas nin liño [7].
  • Por San Martiño, xa se conoce o bo viño [7].
  • Por san Uxío e santa Baia anda o tempo á trocalla [33].
  • Por Santa Erea, toma os bois e semea; por San Martiño, nin fabas nin liño [34].
  • Por Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Por Santos inda hai campos verdes e xa hai montes brancos [9].
  • Por Santos nevan os campos.
  • Por Santos, sacha a horta e capa o rancho [9].
  • Pranta a horta no San Martiño e prantarás pra ti e pró veciño.
  • Quen cava no mes de Santos perde o tempo i o traballo [35].
  • Quen queira ter allo fino, que o poña polo san Martiño.
  • San Andrés trae a vela e san Xoán a leva [36].
  • San Martiño sempre quer o seu grauciño, anque sea pequeniño [7].
  • San Martiño, trompos ó camiño.
  • San Martiño, trompos ó camiño; San Amaro, trompos ó faiado [37].
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Xoán come pan e san Andresiño touciño.
  • San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán e san Andrés, fai Dios que non sexan cada mes.
  • San Xoán e san Martiño foron merendar ó camiño. San Xoán levara o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.
  • San Xoán trae o fol cheo de pan e san Martiño bota de viño.
  • San Xoán trae o inferno e san Andrés o inverno.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.
  • Santos e Natal, inverno carnal.
  • Santos e Nadal, inverno caroal [9].
  • Se no Samartiño non matas cocho ou año, coa fame levarate o diaño.
  • Se queres ter allo fino, plántao no San Martiño.
  • Sembra trigo en San Martiño, cada día un pouquiniño.
  • Sementeira na semana de San Román nin palla nin gran; sementeira na de Santa Baia, gran e mais palla [38].
  • Vaites co mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés [39].
  • Zapa o viño polo San Martiño [40].

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
  • Mes de Santos, mes de Santos,/ de Santos mes de amarguras:/ inda ben non amañece/ cando xa é noite escura [41].
  1. ↑ Non obstante, Aníbal Otero recolle o seguinte refrán aplicado ó mes de decembro: No mes morto, nin cápe-lo porco nin póña-lo horto (Aníbal Otero: Vocabulario de San Jorge de Piquín, 1977, s.v. morto).
  2. ↑ Constantino García González.
  3. ↑ Apéndice a Eladio Rodríguez González.
  4. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. porco; s. v. San Martiño. En sentido figurado, significa que ó final todo o mundo ten o seu merecido.
  5. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. Martiño.
  6. ↑ Santa Catarina celébrase o 25 de novembro. O tal cordonazo é o temporal de borrascas, tiempo aturbonado y revuelto que en el equinocio de otoño suele presentarse en las costas de España, Francia e Inglaterra, atravesando a veces el océano Atlántico, y que se conoce comúnmente por "cordonazo de San Francisco" (Eladio Rodríguez González).
  7. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño.
  8. ↑ Probable erro por fame e frío.
  9. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Eladio Rodríguez González, s. v. Santos.
  10. ↑ Día de Tódolos Santos, 1º de novembro; San Uxío, 15 de novembro; San Andrés, 30 de novembro. Eladio Rodríguez González, s. v. Santos.
  11. ↑ Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  12. 1 2 Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  13. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  14. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. viño, s. v. día.
  15. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  16. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño. No orixinal: i-auga.
  17. 1 2 3 Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  18. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. novembre.
  19. ↑ Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: vello he.
  20. ↑ Elixio Rivas Quintas, (1978).
  21. ↑ Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  22. ↑ Este refrán adianta o crecemento dos días un mes antes dos refráns paralelos, que sitúan este momento ó redor de Santa Lucía, 13 de decembro. Fonte: Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño.
  23. ↑ San Sadurniño, 19 de novembro.
  24. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  25. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. neve.
  26. ↑ San Clemente, 23 de novembro.
  27. ↑ San Amaro, 15 de xaneiro.
  28. ↑ Zapar é pechar o bocoi coa zapa. Zapa é o tapón co que se pecha o burato por onde se enchen o bocoi, e tamén o burato mesmo.
  29. ↑ San Simón, 28 de outubro. Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  30. ↑ San Andrés, 30 de novembro.
  31. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño. No orixinal: dí.
  32. ↑ San Xudas, 28 de outubro.
  33. ↑ San Uxío, 15 de novembro; Santa Baia debe ser o 10 de decembro (Santa Baia de Mérida), aínda que podería ser o 12 de febreiro (Santa Baia de Barcelona).
  34. ↑ Santa Irea ou Erea, 18 de setembro; San Martiño, 11 de novembro.
  35. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. cavar.
  36. ↑ Por san Andrés (novembro) cómpre alumarse cunha candea, que xa non será necesaria cando chegue san Xoán (xuño).
  37. ↑ Elixio Rivas Quintas (1978).
  38. ↑ San Román de Antioquía, 18 de novembro; santa Baia de Mérida, 10 de decembro.
  39. ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. mes.
  40. ↑ Ver nota a Polo San Martiño, zapa o teu viño.
  41. ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 97.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]