Saltar ao contido

J. Hewitt Judd

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJ. Hewitt Judd
Nome orixinalJohn Hewitt Judd
Biografía
Nacemento12 de maio de 1899.
Dawson, Nebraska, Estados Unidos.
Morte23 de decembro de 1986 (87 anos).
Omaha, Nebraska, Estados Unidos.
Lugar de sepulturaCemiterio Forest Lawn Memorial Park, Omaha. 
Cargos
Presidente da
American Numismatic Association
Período1853-1855
AntecesorJoseph Moss
SucesorLeonel C. Panosh
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
EducaciónUniversidade de Nebraska.
Universidade de Viena.
Actividade
OcupaciónMedicina, numismática.
Membro de
American Numismatic Association.
Central States Numismatic Society.
Familia
CónxuxeEllanore Baxter (1935). Editar o valor en Wikidata
FillosKatherine Judd. Editar o valor en Wikidata
PaisDelbert B. Judd Editar o valor en Wikidata  e Melinda Heim. Editar o valor en Wikidata
Premios
1948: Medalla ao Mérito (ANA).
1955: Premio Farran Zerbe Memorial (ANA).

John Hewit Judd, nado en Dawson, Nebraska, o 12 de maio de 1899 e finado en Omaha, Nebraska, o 23 de decembro de 1986, foi un médico e numismático estadounidense, presidente da American Numismatic Association entre 1953 e 1955.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

J. Hewitt Judd naceu en Dawson, Nebraka, o 12 de maio de 1899,[1] o primeiro dos dous fillos de Melinda Heim (1874-1947) e de Delbert B. Judd (1872-1938).[2]

Acadou o título de Bachelor of Science na Universidade de Nebraska e en 1924 o título de doutor en Medicina na facultade de Medicina da mesma universidade.[1] Máis tarde realizou estudos de posgrao na Universidade de Viena,[3] nos anos 1925 e 1926.[4]

Exercicio da medicina

[editar | editar a fonte]

Trasladouse a Omaha en 1930, e alí iniciou a práctica da medicina de xeito privado. Ao mesmo tempo, incorporouse ao persoal docente voluntario da Universidade de Nebraska, e en 1942 pasou a ser profesor titular e xefe do departamento de Oftalmoloxía.[1][4] Finalmente, en 1964 foi nomeado catedrático emérito desa universidade, logo da súa xubilación.[3]

A súa colaboración foi decisiva no establecemento do Banco de Ollos Memorial Lions-Vince C. Hascall de Nebraska en 1960, motivo que o fixo acredor do premio anual da Fundación de Conservación da Vista Lions de Nebraska en 1964.[3]

Interese pola numismática

[editar | editar a fonte]

Paralelamente á súa dedicación á medicina, Judd foi un destacado coleccionista de moedas e estudoso da numismática. A súa traxectoria como numismático estivo moi ligada á American Numismatic Association (ANA), na que ingresou en 1937 e a cuxo consello de goberno pertenceu de 1945 a 1951. Posteriormente ocupou os postos de vicepresidente primeiro (1951-1953) e de presidente, do 26 de agosto de 1953[4] ao 27 de agosto de 1955. Esta entidade recoñeceu a súa traxectoria co seu premio máis sobranceiro en 1955.[1]

Tamén foi membro do consello de administración e presidente da Central States Numismatic Society. En 1965 foi membro da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[1]

Como coleccionista, Judd especializouse na moeda estadounidense e principalmente nos exemplares cuñados a modo de proba pola Casa da Moeda dos Estados Unidos.[4] Unha boa parte da súa colección foi adquirida polo numismático e comerciante de moedas Abe Kosoff, e outras partes foron vendidas en senllas poxas celebradas en xuño de 1977 pola casa Superior e en marzo de 1980 pola compañía Stack's.[1]

Judd foi tamén autor dun libro de referencia para a catalogación das emisións estadounidenses en proba, titulado United States Pattern, Experimental and Trial Pieces,[3] publicado en 1959 e con numerosas reedicións —a 7ª edición, de 1982, conta coa colaboración de Abe Kosoff e Walter Breen—.[1]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Judd foi membro da masonaría.[1] Casou o 14 de setembro de 1935 con Elleanore Baxter (1905-1986),[2] con quen tivo unha filla,[1] chamada Katherine.[4]

John Hewitt Judd finou en Omaha, Nebraska, o 23 de decembro de 1986, aos 87 anos,[1] vítima da doenza de Alzheimer, logo de pasar os seus derradeiros oito anos na residencia Ville de Santé, desa cidade.[3] Foi soterrado no cemiterio Forest Lawn Memorial Park, de Omaha.[2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]