O concello esténdese entre a abrupta costa setentrional, onde se abre a ría de Lires e a regardada ría de Corcubión á que se asoma polas enseadas de Sardiñeiro e Cee.
As maiores altitudes localízanse no límite oriental con Dumbría (Alto de Montemaior 405 m, Monte de San Pedro 370 m) e no sector central, alto de Toba 305 m, desde onde o relevo descende bruscamente cara á plataforma litoral, estreita e sinuosa, onde se localiza a poboación.
A rede hidrográfica está organizada en dúas concas, a meridional fórmana os ríos Cee e Brens que desembocan na ría de Corcubión e a setentrional, os ríos Castro e Lires, que verten na ría de Lires.
O municipio ao asomarse ao mar por tres fragmentos de costa separados ofrece unha paisaxe variada: a ría de Lires no noroeste, a praia de Estorde na enseada fisterrán e a beira oriental da ría de Corcubión, desde a vila de Cee ata a enseada de Ézaro. Pese a atoparse dentro da chamada Costa da Morte estes tres tramos ofrecen características diferenciadas, de acordo coa súa posición nunha zona de transición entre as Rías Altas e as Baixas, onde hai praias de augas tranquilas, moi frecuentadas no verán.
O topónimoCee podería vir dun hidrónomo prerromano céltico-galaico cunha raíz indoeuropea *kei‑ co significado de ‘augas en movemento’ segundo documenta Edelmiro Bascuas e viría dun medieval Cea ou Ceia como se atopa nun documento de 1178 como villas de Ceia in Nemancis. Outra hipótese menos probábel baséanse no seseo do topónimo, polo que See derivaría dunha forma latina sinus ‘seo’ (palabra que aínda se utiliza na actualidade polos mariñeiros para designar unha enseada)[1].
O xentilicio é «ceense», mais o catedrático da UVigoXosé-Enrique Costas González sinala que é unha creación cultista relativamente recente. Recolle as formas «ceés/ceesa» e aclara que a forma culta sería «sedense» e non «ceense»[2], sendo esta última a que máis prestixio acadou nas últimas décadas e practicamente a única en uso pola poboación local.
Hai abondosa documentación sobre Cee no século XVI, momento en que tiña moita importancia a pesca, especialmente a de cetáceos. Foi entón cando se construíu a igrexa parroquial, de estilo gótico tardío. O templo foi reconstruído logo da desfeita provocada polos franceses na Guerra da Independencia Española, conservando algunhas partes da edificación primitiva.