Saltar ao contido

Metafísica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Metafísica
 Nome orixinal
    μεταφυσικά (el) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Estuda
Características
 Oposto a
Implicados
 Practicado por
Historia
 Historia
Códigos e identificadores
Freebase/m/04s0m Editar o valor en Wikidata
MeSHD008678 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC182744844 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Enciclopedia Galega Universal: 152180 BNE: XX525256
Wikidata C:Commons

A metafísica[1] é a rama da filosofía que estuda a estrutura básica da realidade. Segundo a concepción tradicional, trátase do exame das características do mundo independentes da mente, mais algúns teóricos enténdena como unha investigación do marco conceptual do entendemento humano. Varios filósofos, entre eles Aristóteles, designan a metafísica como filosofía primeira, suxerindo que é a área máis fundamental da filosofía.

Esta disciplina abarca un amplo rango de temas xerais e abstractos. Analiza a natureza da existencia, os trazos que todas as entidades teñen en común e a súa división en diferentes categorías. Unha división moi influente é aquela entre o particular e o universal. Os particulares son entes individuais únicos, como unha mazá concreta. Pola contra, os universais con características xerais que varios particulares teñen en común, coma por exemplo a cor vermella. Pola súa banda, a metafísica modal estuda as ideas do posible e o necesario. A metafísica explora tamén os conceptos do espazo, o tempo e o cambio, así como a súa conexión coa causalidade e as leis da natureza. Outros asuntos propios dela son a relación entre a mente e a materia, a posibilidade de que todo no universo estea xa dado de antemán, ou o debate sobre a existencia do libre albedrío.

As persoas dedicadas á metafísica empregan diversos métodos para realizar as súas pescudas. Adoitan apoiarse na intuición e no razoamento abstracto, mais tamén nas aproximacións empíricas asociadas coas teorías científicas. Debido á súa natureza abstracta, recibiu críticas respecto da fiabilidade da súa metodoloxía e o sentido das súas teorías. Emporiso, a metafísica é relevante para moitas áreas de investigación, que acostuman a fundamentarse en conceptos ou asuncións metafísicas.

As raíces da metafísica atópanse na antigüidade, cando xurdiron especulacións sobre a natureza e orixe do universo, como as Upanishads da India antiga, o taoísmo na China, ou a filosofía presocrática en Grecia. Durante a Idade Media, debateuse sobre a natureza dos universais baixo a influencia do pensamento de Platón e Aristóteles. Na modernidade apareceron multitude de sistemas metafísicos, moitos dos cales defendían o idealismo. Ao longo do século XX, a metafísica tradicional e o idealismo sometéronse a duras críticas, que levaron ao desenvolvemento de novas vías de indagación.

Definición

[editar | editar a fonte]

A metafísica é o estudo dos trazos máis elementais da realidade, incluíndo a existencia, os obxectos e as súas propiedades, a posibilidade e a necesidade, o espazo e o tempo, o cambio, a causalidade e a relación entre a materia e a mente. Trátase dunha das ramas máis antigas da filosofía.[2][3][4][5]

A natureza concreta da metafísica é obxecto de debate, e a súa caracterización mudou ao longo da historia. Algunhas perspectivas ven a metafísica como un campo unificado baixo unha definición ampla, entendéndoa como o estudo das "cuestións fundamentais sobre a natureza da realidade" ou unha indagación sobre a esencia das cousas. Outra aproximación pon en dúbida a suposta unidade das diferentes áreas da metafísica, polo que adoitan ofrecer unha listaxe dos seus temas principais de investigación.[4][5][6][7][8][9] Por outra banda, hai definicións descritivas, que fornecen unha explicación daquilo que fan os metafísicos, e normativas, que prescriben aquilo que estes deberían facer.[7][9]

Dúas influentes definicións dos períodos antigo e medieval comprenden a metafísica coma a ciencia das causas primeiras e do ser en tanto que ser (é dicir, que teñen en común todos os seres e a que categorías fundamentais pertencen). Durante a modernidade, os límites da disciplina expandíronse até abranguer temas coma a distinción entre mente e corpo e o libre albedrío.[7][9] Algúns filósofos seguen a Aristóteles ao describir a metafísica como "filosofía primeira", suxerindo que se trata da forma de indagación máis básica, da que dependen o resto de ramas da filosofía.[7][10]

A tradición entendía a metafísica coma o estudo das características da realidade exterior á mente. Porén, a partir do criticismo de Immanuel Kant, xurdiu unha concepción alternativa centrada nos esquemas conceptuais máis ca na realidade externa. Kant distinguiu a metafísica transcendental, que procura describir os trazos obxectivos da realidade para alén da experiencia sensorial, da perspectiva crítica, que analiza os aspectos e principios que subxacen ao pensamento e a experiencia humanas.[11][12][13] O filósofo contemporáneo Peter Strawson contrastou a metafísica descritiva, que busca artellar os esquemas conceptuais máis habituais para comprender o mundo, e a revisionista, que ten coma obxectivo producir mellores esquemas conceptuais.[14][15]

A metafísica diferénciase das ciencias particulares en que examina os aspectos máis xerais e abstractos da realidade. As ciencias, pola contra, céntranse en elementos máis específicos e concretos, restrinxíndose a unha clase determinada de entidades. Así, por exemplo, a física investiga os obxectos físicos; a bioloxía, os seres vivos; a antropoloxía, o ser humano.[5][16][17] Existe un debate sobre se esta diferenza é unha dicotomía estrita ou un continuo gradual.[17]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra "metafísica" procede do grego antigo metá (despois, sobre, para alén de) e phusiká (natureza), unha abreviación da expresión ta metá ta phusiká ("o que vén despois da física"). A interpretación habitual desta etimoloxía é que a metafísica debate sobre asuntos que, debido á súa xeneralidade e alcance, están máis alá do reino do físico e da observación empírica.[2][5][18][19][20]

Por outra banda, a disciplina podería ter recibido o seu nome por un simple accidente histórico debido á publicación da Metafísica de Aristóteles.[5][21][22][23] O propio estaxirita non empregou o termo "metafísica", mais si o editor das súas obras, Andrónico de Rodas, quen viviu douscentos anos despois. O máis probable é que a intención deste compilador fose indicar que esta obra debía ser estudada tras a Física de Aristóteles; de aí o nome que escolleu, "despois da física".[2][5][18][19][20]

Subdisciplinas

[editar | editar a fonte]

A metafísica pode definirse tamén en relación coas súas ramas principais. Unha división moi influente dende os comezos da filosofía moderna é aquela entre a metafísica xeral e a específica ou especial.[3][9][24][25] A metafísica xeral, tamén chamada ontoloxía,[26] ten unha perspectiva ampla e estuda os aspectos máis fundamentais do ser. Así, investiga cales son as características que comparten todas as entidades, e como estas poden dividirse en diferentes categorías. As categorías son as clases máis xerais posibles, como a substancia, as propiedades, as relacións ou os feitos.[9][27][28]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para metafísica.
  2. 1 2 3 Carroll & Markosian 2010, pp. 1-3.
  3. 1 2 Koons & Pickavance 2015, pp. 1-2.
  4. 1 2 McDaniel 2020.
  5. 1 2 3 4 5 6 Mumford 2012.
  6. Carroll & Markosian 2010, pp. 1-4.
  7. 1 2 3 4 Loux & Crisp 2017, pp. 1-4.
  8. Ney 2014, pp. 9-10.
  9. 1 2 3 4 5 Bernstein, Sullivan & Van Inwagen 2023.
  10. Koons & Pickavance 2015, pp. 8-10.
  11. Loux & Crisp 2017, pp. 1-4, 6-7.
  12. Bengtson 2015, p. 23.
  13. Wood 2009, p. 354.
  14. Bengtson, Heyndels & Mesel 2024, p. 4.
  15. MacDonald 2008, p. 18.
  16. Ney 2014, p. xiii.
  17. 1 2 Tahko 2015, pp. 203-207.
  18. 1 2 Hoad 1993, pp. 291, 351.
  19. 1 2 Cohen & Reeve 2021.
  20. 1 2 Politis 2004, p. 1.
  21. Hamlyn 2005, p. 590.
  22. Lowe 2013, p. 127.
  23. Pols 1993, p. 203.
  24. Loux & Crisp 2017, pp. 3-5, 10.
  25. Craig 1998.
  26. O termo "ontoloxía" úsase ás veces como sinónimo de metafísica. Véxase Hawley 2016, p. 166
  27. Loux & Crips 2017, pp. 10-14.
  28. Campbell 2006.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]